domingo, 3 de janeiro de 2010

O idealismo mantém-nos vivos

Gostei deste arigo... sem mais, aqui vo-lo deixo. Tam só um comentário: os acomodatícios talvez levem vidas mais farturentas, pero som sem dúvida os idealistas e cús inquietos -de calquera ideologia- os que movem e cambian o mundo. Nom credes?

O sacrificio persoal da galeguidade, por X. A. Pérez Lema

Son recorrentes na escea mediática galega as opinións que acusan a nosa literatura, creación musical, cinema ou artes escénicas de sobrevivir por mor das subvencións. Segundo estas opinións, os nosos escritores, músicos e creadores tentarían construír un espazo que lles garantise determinadas rendas para, deste xeito, non ter que competir no grande mercado español onde serían –disque– irrelevantes.

Non hai tal. O Goberno do Estado mantén un Ministerio de Cultura e un Instituto Cervantes para subvencionar case exclusivamente os produtos literarios e culturais en castelán. Mercedes Peón ou Susana Seivane están inéditas nas canles españolas de TV, mentres que a TVG programou abondo a Manolo Escobar e María del Monte.

Os nosos literatos asumen un durísimo labor alén da propia creación: construír e viabilizar un sistema literario galego. Xa que logo, os nosos creadores asumen un compromiso de País e mancan as vizosas posibilidades de suceso profesional que terían de se instalar no sistema literario español. Cal non sería o de Manuel Rivas, Suso de Toro ou Xavier Alcalá de escribir en castelán? De seguro que Ferrín tería xa acadado o Nobel.

Que dicir da política! Bóveda foi asasinado xudicialmente e Castelao houbo de se exiliar, confiscados os seus bens. Beiras, Camilo Nogueira, Paco Rodríguez, Barreiro ou Mariñas terían desenvolvido, de pertencer ao PP ou PSOE, cómodas carreiras políticas, mesmo ministeriais.

Pola contra, as súas foron carreiras do salmón, contra corrente, sometidos a un acoso ambiental implacábel que mesmo usou do bulo, desprestixio persoal ou acusación falsa para obter os seus obxectivos.

E a persecución é tanto mais renarte canto máis se achega o galeguismo a unha praxe transformadora e viábel. Velaí a recente campaña de derrubo político e linchamento persoal sofrida por Anxo Quintana.

Na empresa temos os exemplos do sacrificio de Peinador, Ricardo G. Pastor ou o xornal Galicia de Paz Andrade. Na Igrexa os de Monseñor Araúxo e o teólogo Torres Queiruga, que en calquera país normal sería bispo.

Pechen os ollos e pensen que sería deste País sen a achega intelectual, cultural, empresarial e política do galeguismo. Unha rexión do Noroeste español triste e empobrecida? De seguro que un ermo cultural e empresarial.

http://www.xornal.com/opinions/2010/01/02/Opinion/sacrificio-persoal-da-galeguidade/2010010222391600174.html

1 Comment:

Gonzalo Amorin said...

Neste país actuar como galego (com tudas as letras) está penado, o ser galego é o anormal, o que se sae do comúm, o que molesta e é marcado como problemático. Isso é o que nos define como resistentes, como especímenes em claro perigo de extinçom que reagem e luitam cada dia contra um poder enorme e infiltrado, ainda a costa da nossa promoçom e comodidade, mais a favor da nossa coerência e integridade. Quantos galegos excelsos ficam relegados a um plano sinistro e marginal por nom comunhar com Espanha (com a simples ideia de Espanha), e digo marginal a um nivel exportas e desconcienciado, porque, indiscutívelmente, e por eles que ainda existimos e resistimos. Muito bo artigo caro Chainis!