terça-feira, 12 de janeiro de 2010

"O decretazo contra o galego, ímolo parar"


Queremos Galego organiza unha histórica manifestación en Compostela para a que partirán autobuses de todas as comarcas do país.
O PPdeG identifica a normalización lingüística co "adoutrinamento"

Redacción Vieiros - 14:00 11/01/2010

Tags: decreto do ensino lingua manifestación Queremos Galego
Será o vindeiro xoves 21 de xaneiro. Queremos Galego está a organizar a anunciada manifestación contra o decreto de linguas no ensino non universitario e vaticinan unha xornada histórica. Apuntan a este resultado as adhesións que recibiron até o de agora: "o rexeitamento a esta formulación lingüística é practicamente unánime", subliña Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización (MNL), "no ámbito educativo só as organizacións máis directamente vencelladas ao PP aceptan o decreto".Nos vindeiros días, os diferentes colectivos integrados en Queremos Galego traballarán nunha ambiciosa campaña de concienciación que terá a pretensión de chegar a todos os centros educativos do país. Así, organizarán actos informativos aos que convocarán ás ANPAS, ás equipas de normalización ou ao profesorado aos que chamarán a participar nesta xornada reivindicativa. Así o subliñou Fran Rei, voceiro de Queremos Galego, quen adiantou que xa se están a repartir polos centros máis de 50 mil cartaces e máis de 75 mil folletos co lema "Paremos o decretazo contra o galego".Con todo, dende a plataforma subliñan que esta manifestación non será exclusiva do ensino, senón que é unha convocatoria aberta na que terán cabida "todos os galegos que queiran á súa lingua". A marcha partirá da Alameda de Compostela ás 11 e media da mañá e discorrerá até San Caetano, onde se sitúan as instalacións da Xunta de Galiza. A organización porá autobuses dende diferentes puntos do país, que sairán cedo cara a Santiago.Folga preventiva e disposición de consensoQueremos Galego rexeita o cualificativo de "folga preventiva" que lle adicou o presidente da Xunta: "é curioso que precisamente o partido das guerras preventivas empregue estes termos", dixo Rei, "logo das diferentes agresións que sufriu o noso idioma evidentemente que articulamos unhas actuacións de resposta ante o que viña e confirmáronse os nosos peores prognósticos". Doutra banda, a plataforma desconfía da anunciada disposición da Xunta de Galiza de chegar a consensos no decreto final. O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, confirmou que aínda non foron chamados para reunión algunha, mais adiantou que o sindicato non se prestará "a un diálogo de pantomima que avale ningunha medida que supoña unha involución ou retroceso". Doutra banda, Carlos Callón tamén dixo dubidar da verdadeira capacidade de negociación dun Goberno que xa censurou declaracións contrarias ao decreto como a do secretario do Consello da Cultura Galega (CCG), Henrique Monteagudo, e que cualifica de extremistas a todos aqueles que se manifestan en contra.Finalmente, a organización tamén adiantou que levará adiante en paralelo outras actuacións de tipo legal que xa están a estudar. "Os informes xurídicos dinnos que este decreto é nulo de pleno dereito", insistiu Callón, "polo que esgotaremos todas as vías legais para botalo abaixo, mesmo acudindo ás vías internacionais".

1 Comment:

O'Chini said...

Oxalá seja um éxito total.

Polo que parece o rejeitamento é total ao novo decreto, excepto claro está um sector do PP (que nim todo), os inomeáveis de GB, e a coodenadora de APAS dos centros privados.


Ontem á noite vim o "Hai debate" na TVG...buff.. o de sempre... que elementos meu Deus... o paifoco da Cope dava lástima, a analista política da TVG peor... mesmo me fixo saltar da minha cadeira quando ridiculizou a ensinanza das matemáticas em galego com isso de "elevar ao caldeiro" (elevar ao cubo). Ninguem dixo nada.

Depois, o Portomenhe, cumha fonética mesmo genuina (como gosto de escoitar falar assi!, em sério!), pero com uns contidos respeito á língua tam fascistoides como o que mais no PP. "A culpa da sitaçom de declive do galego tenhe-na os que o defendem". O colmo da estupidez, ou da mala ideia, quem sabe....

Já sabedes, meus, a culpa de que haja corridas tenhe-na as agrupaçons aintitaurinas, ou mesmo, quem sabe?...Os touros!!!