segunda-feira, 13 de outubro de 2008

12 de outubro: Día da Resistencia Indíxena

Contra "a imposición criminal" e o "xenocidio" no continente americano

Logo de máis de 500 anos de resistencia e loita, milleiros de manifestantes volveron reivindicar este domingo que "outra América si é posíbel".

F. A. - 14:20 13/10/2008

Houbo numerosos actos por todo o continente

Dende hai máis de 500 anos, pobos indíxenas de todo o continente americano loitan pola súa terra, defenden os seus recursos naturais, reivindican o seu dereito de autodeterminación e resístense a perder linguas e identidades culturais.

Este domingo 12 de outubro, mentres os tanques do Exército español percorrían as rúas de Madrid para celebrar o Día da Hispanidade, milleiros de persoas ao outro lado do Atlántico conmemoraban o Día da Resistencia Indíxena. Mentres os españois recordaban o 516º aniversario do "descubrimento" de América, os aimará por exemplo non esquecían os "cinco séculos de vivir na incerteza, infortunio e sometemento das nosas liberdades fundamentais", que os levou a declarar este día como o da Desgraza.

En Guatemala, con pancartas en que rexeitaban "a imposición criminal" dos españois no continente americano, milleiros de manifestantes marcharon polas principais rúas da capital, con chamamentos á "unidade popular" e reivindicando que "outra América si é posíbel", sen discriminación e sen pobreza.

Guatemala, onde dos máis de 13 millóns dos seus habitantes o 42% son indíxenas, e un 75% destes vive en condicións de pobreza e extrema pobreza, concentrou a manifestación principal deste domingo -pechaba así o III Foro Social das Américas- mais houbo outras moitas.

Venezuela: "O maior xenocidio que coñeceu a historia"
En Venezuela, onde o goberno derrogou en 2003 a celebración do 12 de outubro como Día da Raza, os actos oficiais do Día da Resistencia Indíxena deron comezo cunha serie de rituais e celebracións propias dos wayúu, añú e yukpa, e contaron coa presenza do presidente venezolano, Hugo Chávez, segundo informan os medios locais.

"Colón foi só o xefe da invasión das nosas terras que significou para os nosos pobos orixinarios o comezo dunha guerra de exterminio, onde se impuxo un réxime colonial imperialista", sinalou. "O que houbo en América foi un xenocidio, aquí non houbo nin descubrimento, nin civilización, nin evanxelización, nin encontro, aquí houbo o maior xenocidio que coñeceu a historia", engadiu Chávez.

Arxentina: "Xustiza, terra e traballo"
En Arxentina, ao abeiro da celebración do Ultimo día da liberdade indíxena, comunidades e organizacións de todo o país realizaron durante a fin de semana diversos actos. En Resistencia (Chaco), reclamouse "xustiza, terra e traballo"; en Tartagal, Salta, -onde se concentra a maior diversidade étnica do país: wichi, chulupi, chorote, toba, guaraní, chané e tapiete- inaugurarouse a radio comunitaria A voz indíxena, entre outros actos, informa Mapuexpress.

Perú:

Diversas organizacións encabezadas pola Confederación Nacional de Comunidades do Perú Afectadas pola Minaría (Conacami) organizaron unha Asemblea Nacional esta fin de semana: "Na actualidade as comunidades somos quen pagamos as consecuencias da política neoliberal, e no seu afán de busca e concentración da riqueza só para un grupo humano están a destruír a natureza a través da explotación irracional dos recursos naturais".

"Para iso as comunidades somos desaloxadas e obrigadas a abandonar os nosos territorios. A Nai Terra ten vida e pídenos a berros que a salvemos da súa eminente destrución e con ela a nosa destrución".

Máis actos: Bolivia, Colombia, Chile

Tamén en Bolivia se conmemora o Día da Resistencia Indíxena, con actos ao longo do mes de outubro centrados no apoio explícito e a solidariedade co goberno de Evo Morales.

En Colombia, a Autoridade do Goberno Indíxena (ONIC) manifestouse "contra o xenocidio e os crimes de lesa humanidade"; denunciou "o fracaso da política de guerra da seguridade democrática"; e reclamou unha saída negociada e digna ao conflito armado.

En Chile, a Asemblea Mapuche de Esquerda marchou por Santiago, informa Prensa Latina. "Arrancaron os nosos froitos, cortaron as nosas pólas, queimaron o noso tronco, mais non puideron matar nosas raíces", proclamaron os aimará do país, informa Mapuexpress.

Ver noticia em Vieiros

1 Comment:

Gonzalo Amorin said...

Muito bo caro Chainis!! Panda de hipócritas que fam dum holocausto umha festa. Povos contra impérios! E ainda hoje!