sexta-feira, 19 de setembro de 2008

Setembro de 1933: Galiza, unha nación en Europa.


Esta semana cúmprense 75 anos do recoñecemento nacional do noso país polo Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, predecesora da ONU.
"O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (...) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta". Con esta declaración, presentada en galego e en inglés e aprobada polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas que tivo lugar en Berna entre o 16 e o 18 de setembro de 1933, o noso país ingresaba neste organismo adxunto á Sociedade das Nacións (a ONU de entreguerras). Esta semana, xa que logo, cúmprense -exentos de celebración institucional ningunha- os 75 anos do recoñecemento internacional de Galiza como nación europea. No entanto, dende a Fundación Plácido Castro -intelectual e político galeguista que nos representou en Berna- pretenden contrarrestar o esquecemento oficial coa organización dunha mesa redonda para analizar este feito histórico. Será este venres ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Vigo, e contará coa presenza dos deputados do BNG e do PSOE no parlamento español Olaia Fernández e Ceferino Díaz, respectivamente. A intención é que un membro do outro partido con representación no Hórreo tamén participe, mais "problemas de axenda" fano pouco probábel. Ningunha outra formación foi convidada. Moderará o encontro Xulio Ríos, director do Igadi -instituto que alberga á Fundación Plácido Castro- e un dos principais impulsores da recuperación e da divulgación daquel recoñecemento, de que, tal e como escribía o propio Castro días despois en El Pueblo Gallego, "por primeira vez na súa historia, Galiza concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional". Ríos considera que serviría ademais para resolver un dos principais problemas que se presentaron o ano pasado durante o debate para a reforma estatutaria: "Fóra do fin político de cada un, xa sexa a autodeterminación, a independencia, o autonomismo, o rexionalismo, ... o sucedido en 1933 é un feito histórico". "É unha realidade da que hai un gran descoñecemento na sociedade e que os líderes políticos galegos non deberían obviar", engade. A Fundación tamén está a xestionar coa Concellaría de Cultura de Vigo a colocación dunha placa en memoria de Plácido Castro na rúa da Reconquista, lugar onde viviu o cambadés logo de que un tribunal militar da Coruña o condenase a vivir como mínimo a 100 quilómetros de Muxía pola súa actividade política durante a II República Española. Non sería a primeira vez. Hai cinco anos inaugurouse outra placa no mesmo lugar, mais poucas semanas despois apareceu esnaquizada.

1 Comment:

O'Chini said...

Os mass media galegos (deveria ponher um "anti" previo?) nunca se fam eco destas "cousinhas"...

Eu tentei indagar em interenet qual fora a lista completa de nacons reconhecidas pola antiga sociedade de nacons, pero foi impossivel. Seria um documento bem interesante.