sexta-feira, 5 de fevereiro de 2010

"O PP quíxolle dar un aviso ao pobo vasco co peche de Egunkaria. Todo o euscaro é ETA."


Entrevistamos o actual máximo responsábel de Berria, unha vez visto para sentenza o xuízo pola súa suposta "integración en organización terrorista".

F. Arrizado - 16:30 04/02/2010
Otamendi, ex director de Egunkaria

Otamendi, ex director de Egunkaria

"Declárome inocente do que se me acusa e declárome culpábel de dirixir un diario en éuscaro". Con estas palabras finalizaba a súa intervención o derradeiro responsábel do diario clausurado en 2003 Egunkaria, Martxelo Otamendi, antes de que o xuízo quedase visto para sentencia, a principios de semana.

Xunto con el, Iñaki Uria, Xabier Oleaga, Joan Mari Torrealdai e Txema Auzmendi, enfróntanse a penas de entre 12 e 14 anos de cárcere, que solicita a acusación particular -AVT e Dignidad y Justicia- por "integración en organización terrorista". A Fiscalía insistiu en pedir a absolución tal e como propuxera en 2006, xa que considera que non se acreditou a vinculación do diario con ETA.

"Non son de ETA e nunca fun de ETA", repetiron un tras outro os cinco acusados aproveitando o seu dereito á última palabra para rexeitar os delitos que se lles imputan e para defender que o seu único obxectivo foi fomentar a súa lingua. Ademais, pediron que se desboten para sempre as teses de que a banda armada está detrás de todos os proxectos sociais en Euskadi: "Non todo é ETA".


Vieiros: Como están os ánimos logo de finalizar o xuízo?
Martxelo Otamendi
: Por unha parte estamos ilusionados porque vemos que o xuízo se desenvolveu ben, que as nosas teses triunfaron e que os expertos da Garda Civil, pola acusación popular, non foron quen de probar ningunha das acusacións lanzadas contra nós. Nin as do xuíz Del Olmo hai sete anos, nin as que posteriormente nos foi apondo a Garda Civil. Mais estamos preocupados, porque non é a primeira vez que a xente gaña o xuízo mais perde a sentenza.

Por que se pecha Egunkaria?

A razón que dá o maxistrado é que ETA financiaba o diario, e como financiou o diario tamén designou directivos da súa confianza para que o levasen pola senda que ETA quixese. Esa é a razón principal. A cuestión é que no xuízo non aparecían para nada os datos sobre ese financiamento. O propio xuíz decatouse ao longo da investigación que non había ningún financiamento irregular. Foi entón cando abandonou esa acusación e centrouse no de "todo é ETA", polo tanto, Egunkaria tamén é ETA e os seus directivos tamén son ETA.

De feito chega un momento en que o xuízo se divide en dous. Hai tamén un outro económico, non é?

Hai dous procesos xudiciais. Un é o do peche do diario e o outro é o das investigacións das sancións económicas da empresa. O do peche remata xa, e agora está pendente -aínda en fase de instrución- a parte relativa aos delitos económicos. Mais iso hase ver máis tarde e mesmo é posíbel que non se vexa: se no primeiro xuízo saímos absoltos, loxicamente o delito económico non tería relación ningunha con ETA. Se non primeiro non somos de ETA, no segundo tampouco o seriamos, e a causa devolveríase a calquera xulgado provincial como delito económico normal. E xa nin iso sería, porque unha parte da acusación, que é a Deputación de Guipuzkoa, xa se retirou. De se retirar tamén o Goberno pode ser que nin haxa xuízo. Ímolo ver cedo, estamos moi expectantes.

Explicaba vostede o proceso polo que se pechou Egunkaria, mais cal cre que son as razóns de fondo?

Daquelas as relacións entre o goberno vasco e o goberno español eran moi malas. Estase a incorporar á axenda política termos como o de 'autodeterminación', 'dereito a decidir', o dereito dos vascos a decidir o seu futuro, ... E eu penso que a Garda Civil e o Partido Popular querían dar un susto a todos os vascos, cunha medida que ninguén agardaba: o peche do diario Egunkaria. Sabendo que Egunkaria era o 'neno bonito' da cultura vasca dos últimos 20 anos. Coido que realmente foi un aviso: "Onde nós estamos somos quen de facer calquera cousa, para que vostede que está pensando en implicacións de independencia, de soberanía popular ... vasca, enfrontándoa á soberanía española, ... imos facer algo para que vostedes nos crean". Pechan o periódico en éuscaro, deteñen os seus directivos, de noite , como se fósemos membros dunha organización armada, acúsannos de ser membros dunha organización armada. E logo incomunícannos, tortúrannos, ... Cinco dos 10 fomos torturados. Ese é o motivo real do peche do diario. Outra cousa é a escusa.

Seguindo o proceso durante todos estes anos a sensación que dá é de indefensión, e semella que o peche de Egunkaria se realiza para poder atopar probas e non, precisamente, porque houbese evidencias que levasen a decretar a súa clausura ...

Exactamente. Non hai unha procura de evidencias e despois péchase. Non. Péchase "e logo xa veremos se sae algo, e se non sae o do financiamento xa sairá outra cousa", din. "Algunha ha de saír", pensan, e aínda así non son quen de demostrar nada.

Respecto ao tema das torturas, que vostedes denunciaron, en que situación están actualmente esas denuncias?

Xabier Oleaga está no Constitucional e algunha outra debe haber que aínda non se decidiu como van quedar. Algunhas están pechadas definitivamente, outras non. A miña está no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo porque xa perdín todas as resolucións xudiciais que se poden dar en España. Eu xa esgotei o percorrido xudicial español con resolucións sempre contrarias a min. Por tanto a única solución é Estrasburgo, é a única instancia que nos queda.

Son optimistas neste senso?

Ultimamente, co Tribunal de Estrasburgo non se pode ser moi optimista. Xa non está formado por xuíces de esquerdas, que aspiraban formar parte del para lles pór límites aos excesos dos estados. Actualmente, creo que a súa composición é máis consecuencia da negociación entre gobernos, de tal xeito que se lle quere quitar forza a un tribunal que sempre foi contestatario, moi vixilante da aplicación dos dereitos humanos e moi crítico coa conculcación deses dereitos.

Voltando ao proceso xudicial. Nun momento dado a Fiscalía do Estado cambia a súa postura e retira a acusación. A que se debe esta mudanza de parecer?

Realmente a Fiscalía, desde un punto de vista independente -non como a antiga Fiscalía- examina o caso e dáse de conta de que o erro na investigación do xuíz instrutor non se cuestionou. O xuíz instrutor pecha Egunkaria con unha significación especial. Logo, de alí a dous tres anos, dita un auto de procesamento de 600 páxinas que é a súa tese final antes de que o caso pase a sala, e en todas esas páxinas non se fala para nada de financiamento irregular ningún. A Fiscalía dáse de conta diso e ve non se demostrou que ETA financie o diario, e que polo tanto tampouco designou os directivos, nin que os contidos sexan proclives a ETA. Para o que o quere, entón, ETA? Se non o controlan ...?

No xuízo reveláronse fallos graves, mesmo no que foi a tradución do éuscaro ao castelán de documentos incautados a ETA ...

Houbo uns expertos que analizaron as traducións realizadas -e non por ninguén afín, por un suposto cotexo por parte de profesionais da Audiencia Nacional-, e realmente era algo escandaloso. Alguén que saiba español e éuscaro pode entender mellor o escandaloso desas traducións. E logo había fallos ben grandes. O outro día a Garda Civil dixo que a revista Punto y hora era o semanario en éuscaro do diario Egin (clausurado en 1998, con resolución 11 anos despois favorábel ao xornal) cando PyH nunca foi suplemento de nada e sempre foi en castelán. E o dixeron así, como se fosen expertos en medios de comunicación vascos.

Retiradas as acusacións por parte do Estado, Democracia y Justicia e AVT deciden continuar. Que papel xogan estas dúas asociacións?

Xogan o papel que teñen asignado, desde a época en que naceron, baixo a batuta do PP. Son brazos mediáticos -brazos xudiciais, mellor dito- do PP e da Garda Civil. Actívanos cando ven que a Fiscalía lles andaba un pouco frouxa, para interceder no proceso, en todos os procesos. Utilízanos como arietes. Xa sabemos cal é o seu papel: amolar todo o posíbel.

Procesos como estes parecen reflectir unha certa intención de equiparar éuscaro e ETA, ETA e éuscaro ...

Quérese criminalizar o fomento do éuscaro sobre todo o que se fai desde organismos populares, que están fóra da institucionalidade. Comezando pola Garda Civil que di que "a promoción do éuscaro se fai desde a Administración Pública". Con isto a Garda Civil está insinuando que todo o fomento que se fai alén da Administración por parte de colectivos sociais está subvencionado, baixo a disciplina de ETA. O cal é unha aberración.

http://www.vieiros.com/nova/78177/o-pp-quixolle-dar-un-aviso-ao-pobo-vasco-co-peche-de-egunkaria

1 Comment:

O'Chini said...

para alguns, querido Pablo,
que vive e escreve em vasco + que é nacionalista e/ou independentista + jornalista = etarra.

Para ti tamem?