quarta-feira, 17 de fevereiro de 2010

A nosa resposta ao Capital.

Este artigo é longo mas, se tedes paciência para le-lo, havedes descobrir cousas muito interesantes sobre o sistema económico no que vivimos. O Capitalismo, tam insolidário e destructivo, tam atróz, que nos fecha os olhos ante outra idea que nom seja o seu voraz apetite. Por favor, sacade em cachino do vosso tempo para le-lo, só ham ser um minutos, merez a pena.

Em Avantar, CIGA.
20100215_capitalismo.pancarta.jpg

O capitalismo é un sistema concibido para acumular e concentrar a riqueza que crea, a súa reprodución é contraria xa que logo a unha repartición xusta e social desta riqueza e na medida en que o seu propio metabolismo acelera a súa concentración, como na actualidade, desaloxa do seu perímetro ou centralidade, a un maior número de damnificados, poboacións e países enteiros que configuran unha periferia subordinada e allea ás decisións do capital.

As súas formas non son novas, recréase nos mesmos dispositivos de expansión que xa exerceu nas primeiras décadas do século pasado, o liberalismo agora contemporáneo fracasou entón e fracasará agora, pero a súa agonía provocará maior dano e destrución. Será enormemente máis difícil reconstruír un mundo cada vez máis esgotado nas súas potencialidades, nos seus recursos naturais, enerxéticos e alimentarios; cunha maior densidade poboacional e un planeta en estado de catarse ambiental. A actualidade do capitalismo é de acumulación por espoliación, e estas son as súas consecuencias. Non é un sistema que permita correccións e tampouco é reversible.

Temos que recoñecerlle ao capital a súa capacidade funcional e creativa para retroalimentarse. logrou apropiarse dos recursos da humanidade e nos seus momentos de maior convulsión sempre conseguiu a adhesión dos Estados para traballar no seu auxilio. Para o seu beneficio e a súa metamorfose, apoderouse dos resultados da ciencia, da investigación e a intelixencia, fíxose dono do noso tempo, relacións e emocións. Conseguiu que consumamos aquilo que non necesitamos e desprecemos moito do que nos é útil. Transformou a nosa antropoloxía nos ámbitos principalmente operativos e centrais do sistema, onde está fundamentalmente concentrado e extinguiu culturas, linguas, pobos, especies e a soberanía de moitas nacións. Certamente é un sistema superior na súa extensión destrutiva.

A súa lóxica está organizada para convivir e sobrevivir coas maiores contradicións de xeito pacífico ou violenta. Ten os seus propios soportes morais para a súa xustificación, os espirituais e os materiais. Consegue xerarquizar a riqueza e facer exponencial a pobreza; na súa esquizofrenia é posible que a xente enferme por traballar demasiado, mentres outra multitude enferma por non ter traballo. A súa ciencia darwinista é selectiva, os terremotos destrúen vivendas humildes e aniquilan aos pobres, en tanto os palacios e as mansións dos ricos permanecen en pé. Logra que a súa propia forza de gravidade desafíe as leis do universo, o capitalismo precipita con máis violencia na súa caída a todos aqueles que ocupan os banzos mais baixos da escala social, mentres os que están mais arriba, apenas sofren danos.

Equivócanse aqueles que confían en reformar o capitalismo, buscar o seu lado máis humano e atenuar a súa agresividade. Este sistema non é reversible en ningún dos seus aspectos. Nas nosas teorías, nos nosos diagnósticos, debemos ter en conta que o capital transformouse na súa matemática e a súa xeometría; o imperativo da súa acumulación e a súa concentración en apenas 700 transnacionais localizadas en tres bloques de poder moi precisos -Norteamérica, unha parte de Asia e Europa Occidental-, cunha disposición e aplicación das súas regras de xeito máis uniforme e cada vez máis unificadas nas súas decisións, máis hermético e perfeccionado nas súas institucións políticas. As únicas disidencias no seu pronunciamento están localizadas en Rusia e China, mentres as verdadeiras resistencias á súa inercia están organizadas en Latinoamérica e no Mundo Árabe.

Esta crise ensínanos que a pesar da súa sacudida estrutural que conmocionou a economía do planeta, nada cambia; o capital financeiro actual sen a simbiose do seu parte industrial e acentuadamente especulativo, purgouse. Os grandes devoraron aos pequenos. Doutra banda aprovisionou durante o ano 2009 máis de 2 billóns de euros dos recursos públicos. A súa responsabilidade nesta crise non foi sancionada sinxelamente porque representa hoxe a excelencia da acumulación máis vertixinosa. Unha obscenidade que demostra o seu poder. Na nosa análise temos que valorar a transformación monumental que experimentou o capitalismo nos últimos cincuenta anos na relación que representa o capital financeiro especulativo e o capital produtivo.

Na década dos cincuenta do pasado século a mobilización de diñeiro que circulaba no Mundo, correspondía nun 80% a capital produtivo, comercio de bens manufacturados, enerxía, alimentos, minerais, importacións, exportacións; mentres o 20% restante poderíase adxudicar ao capital financeiro. Na actualidade esta proporción é exactamente inversa. Un volume de capital financeiro superior ao PIB Mundial que na súa lóxica de acumulación necesita superarse e revalorizarse todos os días. O contrario significaría recesión, crise e o colapso do sistema. Preguntémonos entón, cales son os seus recursos na apropiación de capital para satisfacer esta voracidade monstruosa? Sen dúbida a principal fonte de aprovisionamento ten a súa orixe na riqueza que se crea co traballo e nos salarios dos traballadores, así como na espoliación por sometemento dos recursos nos países empobrecidos e colonizados económica ou militarmente. A degradación dos dereitos no mundo do traballo e o empobrecemento da clase traballadora nos últimos 30 anos, son consecuencia desta imparable tendencia de acumulación acelerada. Que ocorreu desde entón para producir unha inversión tan descomunal nas regras do capital?

A segunda guerra Mundial causa unha destrución e dano cualitativo nos medios, dotacións e infraestruturas comúns da civilización e do propio capital (fundamentalmente en Europa) que será necesario reconstruír con urxencia. Así mesmo, na mesma etapa histórica cobra forza e especial simpatía entre a clase traballadora a alternativa representada pola Unión Soviética. Estas circunstancias serán determinantes para que o sistema acepte celebrar un pacto de conciliación entre capital e traballo que reforzará o modelo Keynesiano de xeito temporal. Os resultados deste pacto darán forma ao que coñecemos como Estado de Benestar que mantén a súa vixencia ata aproximadamente finais da década dos 70 do século XX. A crise do petróleo provoca a inflexión do sistema e o rexurdir do liberalismo. O capital produtivo non pode dar resposta á necesidade urxente de acumulación e ademais faise previsible en ciclos curtos a recorrente sobrecapacidade e saturación dos mercados.

O modelo debe cambiar e debe facelo de xeito ordenado e programado baixo a doutrina liberal. Os obxectivos serán comúns e de aplicación en todos os países. As reformas laborais que se inician a principios dos anos oitenta están amparadas no seu discurso na crise sucedida nesa etapa. As primeiras medidas comprometen o asalto ás prestacións públicas capitalizadas durante a etapa de conciliación Keynesiana. As pensións decrecen na súa contía e o acceso ao seu dereito require condicións maiores, estimulando contrariamente as pensións privadas para beneficio das entidades financeiras. Redúcense as prestacións por desemprego e endurécese o dereito ás mesmas. Ao mesmo tempo as lexislacións de garantías e dereitos no traballo son afectadas por diferentes reformas que facilitan o despedimento e regulamentan un mosaico de innumerables formas de contratación precaria (temporal, parcial, causal, de aprendizaxe, prácticas e finalmente ETTs). Ademais das reformas laborais lexislativas aplicadas obedientemente por todos os Gobernos, indistintamente neoliberais ou socialdemócratas, sempre xustificadas na competitividade. Prodúcese outra reforma de alcance universal que provocará a maior desestruturación no mundo do traballo. Comeza a etapa de terciarización do traballo, algúns o chamarán Toyotismo. A actividade que ata entón se desenvolvía por unha soa empresa, en grandes centros de traballo e cunhas condicións laborais e salariais uniformes, reconvértese con novos modos de subcontratación. Por primeira vez na historia do capitalismo, o mesmo traballo será compensado en dereitos e en salarios de xeito distinto. Prodúcese unha estratificación a modo de castes entre a clase traballadora, fixos e eventuais, da empresa principal ou da subcontrata, salarios mais altos e salarios mais baixos; a unidade de clase resulta lesionada. O capital logra impor as súas condicións e o escenario de sobreexplotación é ideal para transferir a maior cantidade de rendas do traballo ás rendas do capital e poderemos constatar en que dimensión e tamén concluír que se produciu unha inflexión histórica como resultado da actuación do capital. Por primeira vez as xeracións novas teñen menos dereitos e peores condicións públicas e no traballo que as súas xeracións anteriores. Ao mesmo tempo, noutra gran reforma estrutural, prodúcese e estase producindo aínda, a apropiación da riqueza do patrimonio público. As principais empresas estratéxicas e con mercado consolidado de moitos países pasan a dominio do capital privado. A incursión en sectores de enerxía, carburantes, auga, comunicacións, transporte e servizos públicos concederá ao capital un espazo de rendibilidade vital para a súa vixencia como sistema e son hoxe un activo imprescindible nas operacións financeiras. Contrariamente as condicións da clase traballadora nestas empresas foron alteradas, diminuídas e precarizadas.

Este ciclo instruído polo liberalismo que afecta de xeito universal á clase traballadora, no referido a diminución das prestacións públicas, condicións de traballo e privatizacións non se completou. A acometida continúa sinxelamente porque o sistema non pode parar, non ten retroceso. Entón temos que preguntarnos cal foi neste tempo a resposta da clase traballadora ante esta ofensiva tan minuciosa e declarada; ou máis ben preguntarnos cal esta sendo a resposta das súas organizacións sindicais e dos partidos de esquerda neste tempo.

En Galiza, no ano 1980 as rendas do traballo supuñan o 63% do PIB, mentres as rendas do capital apenas representaban o 27%. Na actualidade, trinta anos despois, cun 70% mais de poboación asalariada, as rendas do capital son por primeira vez superiores ás rendas do traballo. É dicir, apenas un 20% da poboación acumula máis riqueza que o case 80% restante. Un novo paradigma desconcertante para moitos, pero unha ecuación moi sinxela na dialéctica do sistema. Esta tendencia instálase de xeito parecido aínda que menos acelerada en todos os países de Europa. A economía e a capacidade adquisitiva dos salarios e das familias traballadoras son hoxe enormemente dependentes dunha disciplina financeira, desde as hipotecas ata os créditos menores para calquera tipo de compra. Refiro este feito para deixar en evidencia o empírico na actualidade do sistema e a consecuencia xa certa do infalible do método de acumulación prevista polo liberalismo, pero en que medida se lle facilitou o traballo, e como debemos combatelo.

A etapa Keynesiana supuxo de xeito xeral en Europa o adoutrinamento e a asunción corresponsable das vellas organizacións sindicais e dos partidos de esquerda na xestión do sistema. Durante este tempo a conquista nos beneficios do denominado Estado de Benestar, foi compasada pola loita dos traballadores e da sociedade nas súas diferentes formas organizadas e por parte dos Estados na reconstrución económica de urxencia, en infraestruturas e sectores estratéxicos logo da Segunda Guerra Mundial. Ao capital entregóuselle todo para que volvese rexurdir, contrariamente el non concedeu nada. Nesta crise podemos observar un contraste na actuación dos Estados comparada coas súas respostas en anteriores crises. Entón os Estados acudían ao rescate de empresas que comprometían un volume importante de emprego converténdoas en públicas, na actualidade este feito non sucede nin se demanda politicamente. As axudas públicas son selectivas e dirixidas fundamentalmente ao sector financeiro e ás grandes empresas.

Nesta etapa instalouse en Europa o modelo de conciliación de clases, perfeccionado en todo este tempo por un mecanismo de xerarquía vertical, no que as decisións cruciais sobre o futuro dos dereitos da clase traballadora tense instrumentado a través do Pacto Social. As cúpulas das tradicionais organizacións políticas e sindicais apropiáronse das decisións do pobo, amparados no modelo representativo, mentres o exercicio de goberno altérnase entre a socialdemocracia e a dereita. Os partidos da esquerda en xeral ocuparon espazos laterais de poder institucional e abandonaron a loita social e a mobilización en todas as súas vertentes. Declinaron a súa responsabilidade na loita de clases, de tal xeito que hoxe este conflito xa non forma parte do debate social e as xeracións novas da clase traballadora non son educados nesta teoría. O enfrontamento de clases, a loita da clase traballadora, non ten partido que defenda o seu discurso e xa non é sequera un debate menor nos foros parlamentarios.

As vellas organizacións sindicais reconvertéronse en axentes e suxeitos sociais do sistema. O capital concedeulles aos seus dirixentes un espazo acolledor e repleto de resplandor mediático, o denominado “diálogo social permanente”. Este feito modificou no tempo a estrutura funcional dos sindicatos, neutralizou a súa resposta horizontal e participativa, estrangulando a acción sindical, reivindicativa e política. Non foi menos importante nesta conversión, a dependencia financeira das subvencións do Estado que hoxe condicionan a propia supervivencia do seu status quo, impoñente en medios, dotacións e recursos dispoñibles nestas organizacións sindicais. En definitiva, o capital incorporou á súa lista de colaboradores a moitos dos principais representantes da clase traballadora. Está conseguindo nesta etapa histórica o seu maior grao de acumulación superlativo nun contexto social pacificado.

Se entendemos o capital como un sistema de organización económico no seu desenvolvemento científico, teremos que considerar que nesta etapa de acumulación vertixinosa necesita de xeito estratéxico todas estas alianzas; as colaboracións incondicionais dos Estados e a apropiación das súas riquezas, así como, a pacificación e subordinación da clase traballadora, fundamentalmente no seu ámbito de centralidade e concentración, porque é aquí onde cobra forza e estende a súa potencialidade e amplitude. Se estes dispositivos fallan, atopan resistencia e non se desenvolven coa celeridade precisa, o sistema terá en perigo o seu metabolismo; e neste momento este risco representa unha ameaza maior que en calquera outra etapa da súa evolución. Isto significaría retardar a súa inercia e xa non pode cientificamente modificar a súa velocidade. Non é posible reconstruílo sobre o seu pasado, desfacer o feito, estes ciclos están xa esgotados.

Necesitamos organizar unha nova resposta, novos contidos, novas esperanzas, ou se imporá a barbarie.

Enfrontámonos a unha loita desigual no que a ciencia e a tecnoloxía son usados polo sistema. Cada novo descubrimento fortalece a súa posición na súa relación de forzas contra a humanidade, pero aínda temos espazos vitais para o coñecemento, o pensamento, a empatía e a creación do individuo, que non se pode desagregar da súa dinámica social. Os centros de traballo, as escolas, as universidades e os lugares de actividade social, son potencialmente construtivos dunha resposta comprometida que se sobrepoña á barbarie. As novas xeracións da clase traballadora non coñecen outra realidade distinta á que viven, cren que as súas condicións precarias de traballo sempre foron así. Non se transmitiu entre as xeracións da clase traballadora a cultura dos dereitos e a obriga de loitar por eles. Temos que recompor esta ligazón.

Desde as organizacións de clase necesitamos politizar todo o noso traballo. Esta crise ofrécenos a oportunidade de converter cada conflito nun escenario de loitas de clases, tal como corresponde á súa natureza. Todo conflito pola defensa do emprego, das condicións de traballo, polas proteccións e servizos públicos, contra as privatizacións, debe ser unha constante na loita política. O noso discurso debe abordar abertamente a loita de clases, a súa explicación, a repartición da riqueza, a xustiza social; e debemos facelo sen complexos, explicitamente, transcendendo do puramente reivindicativo. Seica non é este o conflito central entre capital e traballo?

No último ano, as organizacións sindicais do nacionalismo vasco e galego, traballamos con esta disciplina, o que explica a dimensión e a dureza dos conflitos vividos, con numerosas folgas en sectores que superaron os quince días e algunha máis de trinta días. Ambas organizacións sumamos máis de 20.000 delegados representantes sindicais nas empresas. Son a primeira fronte para o traballo ideolóxico e o exercicio da praxe. Pensemos que nun contexto social e laboral non precisamente fértil e favorecedor para a acumulación de forzas, o feito de que este número de traballadores e traballadoras comprometan o seu esforzo e a súa propia estabilidade laboral en proxectos de aberto enfrontamento ao sistema, permítenos elaborar e crer nunha alternativa sostida contra o mesmo. No caso galego, a CIG nas súas mobilizacións pronúnciase publicamente por superar o capitalismo e crear o socialismo do século XXI. Hoxe xa, as organizacións sindicais de clase, deben ser aberta e recoñecidamente unha fronte política, que traballe de xeito horizontal e conxuntamente con aquelas outras organizacións de carácter social, críticas no seu espazo co sistema; ao mesmo tempo cos partidos da clase traballadora influíndo na súa política de masas, provocando a audiencia e defensa necesaria das nosas reclamacións.

Politicemos pacientemente á clase traballadora e a súa resposta será a que debilitará este sistema.

[Galiza, 15 de febreiro de 2010]

0 Comments: