segunda-feira, 11 de julho de 2011

Códice Calixtino: oh!!

A existencia do Códice Calixtino, como todo o patrimonio histórico-cultural, material ou inmaterial, de Galiza, foi descoñecido, ignorado ou menosprezado pola inmensa maioría dos galegos e galegas. Así adoita pasar en toda colonia que o é sen recoñecelo.

Por Francisco Rodríguez | | 10/07/2011

O seu recente e estrafalario roubo veu impactar mediaticamente na sociedade galega, como unha sorpresa de pasmo e admiración, á vista de que voces autorizadas e oficiais subliñaron, compunxidas, a importancia desta xoia da literatura medieval en lingua latina e do seu exemplar máis antigo depositado no Arquivo da Catedral de Santiago. Certamente contén prodixiosa información histórica, relixiosa, musical, poética, artística, social e mesmo económica sobre o século XII na Galiza e na Europa.

Bebamos na súa fonte. Tiremos do libro información. Por exemplo, Viseu, Lamego, Coimbra, Lugo, Ourense, Iria, Tui, Mondoñedo, Braga, Guimarâes, Coruña e Compostela son consideradas todas elas cidades galegas. En contraste, cando enumera outras de distintos puntos da Península que non son a Galiza histórica, denomínaas españolas. Alguén murmurará: que disparate! Para o autor ou autores do texto, seguramente da Galia, os galegos acomódanse máis perfectamente ao seu pobo galo, que os demais pobos da Península, aos que considera de atrasados costumes. Outro rosmará: que barbaridade! Atribúense ao Papa Calixto II palabras que sitúan a Galiza no mesmo campo e categoría semántica que Franza, Alemaña, Italia, Hungría ou Dacia (Romenia). Un terceiro explotará: que esaxeración!!! Afonso VII é denominado emperador de España e de Galiza. Digo eu que ben o sabería o Papa Calixto, irmán e curmán, respectivamente, dos condes Raimundo e Henrique, gobernadores consortes da Galiza histórica, por seren xenros de Afonso VI. Raimundo e Urraca eran o pai e a nai do futuro emperador, nado en Caldas de Reis, coroado por vez primeira na catedral de Santiago. Nin disparates, nin barbaridades, nin esaxeracións. Simplemente, consideracións e observacións conforme á realidade daquel tempo e o noso papel, non precisamente marxinal. En fin, para o Códice Calixtino Galiza é sempre a nación, a terra, o pobo, entre outras moitas e moitos europeos que tamén se nomean. Curiosidade: a sidra era entón a nosa bebida nacional por excelencia…

Felizmente, malia espolios sen miramentos, a Basílica Compostelá posuía até agora o máis antigo e valioso manuscrito desta composición do século XII. Era un dos Códices máis preciosos de toda Europa. A maior proba de desprezo real por esta xoia é a ignorancia sobre o seu contido, a desconsideración oficial polo que di. Esta ignorancia e descoñecemento, que nos consume, é a que alimentan precisamente os que nos abafan continuamente con cantos sobre a nosa españolidade. Así sempre desaparece a nosa historia, o noso papel na Península e no mundo, malia a contundencia das probas. A nosa condición de galegos e galegas nunca acada categoría política de seu nen relevancia como colectividade ou pobo. A información do Códice Calixtino é xustamente a que se agocha no sistema educativo, nos medios de comunicación. É a que se censura para construír unha conciencia social manipulada e servil. Por que Galiza non figura na historia medieval oficial e escolar coa relevancia e o papel que o Calixtino revela? Por que tanta censura e desprezo destinados a eliminarnos como pobo, nación ou terra con historia e tradición relevantes?

O espectáculo mediático prefire centrarse no caso como o dun outro roubo dunha xoia cultural de grande, incalculábel, valor monetario. Intentan centrar a atención social na investigación policial, learnos nun suspense con morbo paifoco e estrambótico. Postos a ser estrafalarios, adianto a miña sospeita de que o Códice aterrará misteriosamente no Vaticano. O furto podería ser obra do Espírito Santo inspirado polos ciumes de Roma por Compostela posuír un exemplar de maior valor. Non é broma, trátase de obra atribuída a un Papa e pode ser que, polos corredores vaticanos, aínda resoe a competencia, de todo tipo, que representaba Santiago en tempos remotos. El será tamén que repararían na incautación perante o hipotético, pero real, perigo de que, inspirándose no Códice, o pobo galego pretenda asumir identidade, carácter e vontade? Esta hipótese goréntame máis. Como lles dixen, o roubo material engádese ao perpetrado, desde hai séculos, sobre a historia que contén.

Quen a furtou? Con expresión inmaterial, pero de base material agresiva, digamos que a españolidade, á que serven e adulan moitos galegos e galegas renegados, que van de cultos. Fagamos que o impacto informativo redunde no esforzo colectivo por recuperar con incidencia e forza social a historia que nos negan. Galiza necesítao.

http://galiciaconfidencial.com/nova/8183.html

1 Comment:

π said...

Recordo que na escola se me falou moitas veces sobre o Códice, pero nunca sobre o verdadeiro contido do mesmo: unha seña de identidade, unha exaltación da nosa orixe, un documento, en definitiva, case 'fundacional'. Pois agora disque toparon impresións dixitais que non pertencen a ningunha das persoas que soían frecuentar a estancia na que se atopaba o códice, impresións que están a cotexar. En fin, que non hai mal que por ben non veña: polo menos que o roubo sirva para que todo galego de ben coñeza máis en profundidade esta auténtica xoia.