quarta-feira, 21 de abril de 2010

"Algún día as torturas investigaranse no País Vasco como fan agora en Chile ou Arxentina"

Na súa primeira conferencia após coñecer a sentenza no proceso Egunkaria, Martxelo Otamendi relatou este martes en Compostela o calvario dos últimos sete anos. Falamos con el, coa vista xa no futuro. Vídeo dentro.


"Aquí canta todo o mundo. Son cinco días de viaxe: o segundo peor ca o primeiro; o terceiro peor ca o segundo; o cuarto peor ca o quinto; e o quinto peor ca o cuarto". Malia que desde o primeiro momento reclamou o seu dereito constitucional a non declarar e, como xornalista, a non revelar as súas fontes, o daquelas director de Egunkaria foi 'encomiado activamente' pola Garda Civil a facilitar información sobre a xestión das entrevistas que lle realizou a dirixentes de ETA.

Malia que incluso o xuíz Garzón ditara autos previos onde se desbotaba unha posíbel ilegalidade nesas entrevistas, e malia que a súa detención en febreiro de 2003 produciuse por un suposto financiamento do xornal por parte de ETA -argumento que se demostrou totalmente infundado- e non por estes encontros xornalísticos, Martxelo Otamendi viuse na obriga de realizar esa viaxe aos sumidoiros do estado de dereito.

Relatábao el mesmo, este martes na Facultade de Xornalismo de Compostela, nunha conferencia enmarcada nas xornadas O Mundo na encrucillada organizadas polos Comités. O máximo responsábel do que era o único xornal en papel en éuscaro -agora á fronte do seu herdeiro, Berria- detallou como foi obxecto de vexacións homofóbicas, adoptando posturas sexuais concretas; como permaneceu tres días sen que o deixasen durmir, de pé, baixo os focos, mirando contra unha parede; sometido a simulacións de afogamento, a intimidacións con pistolas, ... "Isto é un Estado dentro do Estado", comentou que lle dixeran.

Comezaba a se facer xustiza o pasado 12 de abril, coa sentenza demoledora da Audiencia Nacional que non só declara inocentes os cinco encausados e cuestiona a constitucionalidade do peche de Egunkaria; tamén desacredita desde o principio o acto de instrución do xuíz Del Olmo e lanza unha mensaxe clara e contundente a maxistrados e forzas de seguridade do estado ao respecto do amparo a "xuízos sen base probatoria" e ás deficiencias na “custodia” dos acusados. De feito, o auto revela que "os informes forenses coinciden coas testemuñas dos acusados" ao respecto das torturas. É dicir, o xuíz Del Olmo sabía que estaba a acontecer neses cinco días de incomunicación concedidos pola lei, e que Otamendi cualificou este martes de "túnel" baixo os Dereitos Humanos.

"Algún día unha comisión internacional independente investigará as torturas no País Vasco igual que se está a facer agora en Chile ou Arxentina, ou tamén se fará con Marrocos no Sáhara ou con China no Tíbet", asegurou un Martxelo Otamendi fortemente ovacionado polo moito público asistente. "Máis de sete mil vascos -dixo- foron torturados desde a aprobación da Constitución española. Chegará o día en que haxa que lle preguntar a moita xente, xuíces, deputados: 'vostede onde estaba cando se estaba torturando?'"

Ao respecto de procurar un resarcimento moral, prefire -prefiren- agardar a que o Tribunal Supremo ratifique a sentenza, a que esta sexa "firme ao 100%", en previsión dun recurso da acusación popular (a pública, a do Estado a través da Fiscalía, xa se retirou en 2006) que representan as asociacións AVT e Dignidad y Justicia. En calquera caso, sinalou, é unha decisión que depende dos daquelas 1.500 accionistas da empresa. "Sentaron simbolicamente moita xente no banco de acusados", dixo.

A reacción non puido ser máis satisfactoria: 24 mil accionistas que achegaron 4,8 millóns de euros ampararon a fundación de Berria, que "antes da crise" vendía máis xornais que o seu predecesor. Egunkaria, un diario que até a súa clausura non só foi pioneiro no uso do éuscaro, senón que ademais sempre estivo á vangarda de loitas sociais como a reclamación dos dereitos dos homosexuais ou a denuncia da violencia machista, coidando a pluralidade, co obxectivo de ser "un periódico nacional máis que un periódico nacionalista".

1 Comment:

O'Chini said...

O que realmente me fode é que algumha gente, ao ler estes titulares, já nom lé a noticia e nega toda credibilidade. Mais a realidade segue ai, tozuda. Isto é umha vergonha.

Devem em verdade crer que a soluçom para terminar com o independentismo é meter a todos os que falam vasco e vivem em vasco no cárcere.

E mentres, noutro ámbito de cousas pero no fondo relacionado -porque hai correlaçom- a metade de Espanha entonando o de "ni pa ti ni pa mi, dejad a los muertos em paz", ponhendo á mesma altura á dictadura golpista e ao governo democŕatico republicano...confundindo equidistáncia com justiça...hai que ser subnomal...buagh....que nojo dá todo isto...