Artigo de MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO en Galicia Hoxe
Di Carlos Núñez que no Brasil, tras unha "viaxe iniciática" de máis de tres anos ao gran país americano -alí emigrara o seu bisavó-, descubriu unha parte de si mesmo, algo -engade o músico e compositor- que "pode ser a clave para o noso futuro". E leo tamén (neste caso através dunha entrevista que lle fai Moises Álvarez) que o gran gaiteiro e concertista de frauta galego -parabéns dende aquí polo premio Ireland"s Music Award- di que "Brasil garda a esencia da cultura galega en clave urbana e contemporánea" e que o Brasil "é máis galaico que lusitano, porque o Portugal que levou a influencia alá no 1500 era o do norte, o miñoto". Ou sexa, digo eu, o Portugal galego, a vella Galiza bracarense. Fíxense vostedes. Porque a historia, a nosa -tan pouco coñecida e recoñecida, e tan ocultada e manipulada-, é así talmente. Eu creo, amigos lectores, que as palabras de Carlos Núñez merecen a máxima atención entre nós, porque, primeiro, parten da súa experiencia e coñecemento persoais e, en segundo lugar, porque o noso artista combina a sensibilidade, a percepción e a intelixencia construtiva coma poucos. Alborada do Brasil, o seu último disco editado, vexamos -"unha nova alborada nacerá no Brasil", escribira o seu avó nos anos 50 do século pasado-, é, en palabras do músico vigués, un xeito de reivindicación "dun Brasil galego que nunca foi recoñecido". E isto que di Carlos Núñez é moi importante. Tan importante que seguramente vai facer por Galicia na súa relación/proxección co Brasil o noso músico, e así será -verano vostedes-, infinitamente máis que todos os Gobernos da Xunta nos máis de 30 anos de autonomía como "nacionalidade histórica". Sendo como é o idioma galego pai do portugués do Brasil (país este que vai camiño dos 200 millóns de habitantes), non deixa de resultar estraño o pouco interese que a Galicia oficial ten mostrado polo planeta brasileiro. E conclúe Carlos Núñez, que sabe citar ao Valentín Paz Andrade que atopou a nosa Gallaecia no Brasil profundo: "Brasil é unha mina galaica".
segunda-feira, 24 de agosto de 2009
O Brasil de Carlos Núñez
Subscribe to:
Postar comentários (Atom)
1 Comment:
Que bó! este Carlos sempre abrindo camiño, un Crack!
Post a Comment