sábado, 9 de outubro de 2010

Em tempos electorais, voltam os Judas atacar ao galego




Feijóo abre a porta a cambiar a lei para oficializar ‘La Coruña’

Asegura que a Cámara valorará modificar a Lei de Normalización “se o pleno solicita formalmente o topónimo bilingüe”

O PP volve utilizar o idioma en precampaña. Como xa fixera durante os meses anteriores ás eleccións autonómicas, ao igual que durante toda a campaña, os conservadores buscan votos a través dos ataques ao galego. Agora, e unha vez máis, a vítima é o topónimo coruñés e, se cadra, a propia Lei de Normalización Lingüística.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abriu onte a porta a cambiar a devandita lei – aprobada por consenso no ano 1983– para facer oficial o topónimo deturpado La Coruña, tal e como prometeu o candidato popular á alcaldía da cidade, Carlos Negreira, no caso de que acade o goberno.

O xefe do Executivo foi claro e contundente ao defender que “os candidatos ás alcaldías teñen dereito a presentar o seu programa e os cidadáns a votalo e darlle a confianza”. “Se os coruñeses votan maioritariamente o topónimo bilingüe, se o pleno da Coruña solicita formal e maioritariamente o topónimo bilingüe, correspóndelle ao Parlamento valorar esa petición e amparar un topónimo bilingüe, aceptado noutras comunidades bilingües”, dixo, malia que fontes de Presidencia, en declaracións a Xornal, limitaban o mércores o conflito co L “ao lema dun partido” sobre o que non se ían “pronunciar”.

“Se chega ao Parlamento [esa petición], avaliarémola”, insistiu Núñez Feijóo que, no entanto, engadiu que “ata que chegue, a Lei de Normalización Lingüística mantense como está”. Ademais, o presidente da Xunta aproveitou unha nova polémica lingüística para cargar contra o nacionalismo, de paso que insistía en avalar o topónimo ilegal. “Hai moitísimos máis coruñeses que están a favor do topónimo bilingüe A Coruña-La Coruña que galegos que están a favor de chamarlle a Galicia Galiza”, asegurou en referencia a 
unha variedade normativa recoñecida como “lexitimamente galega” pola normativa.

Este mesmo argumento fora empregado tamén por Carlos Negreira na presentación da súa campaña para as municipais, ao aludir á “liberdade duns para empregar Galiza” e ao suposto veto que sofren os partidarios do topónimo coruñés deturpado. A estratexia, xa que logo, non é outra que volver meter o conflito lingüístico nunhas eleccións nun ámbito –o municipal– onde non hai competencias na materia.

Polo de agora, o alcalde coruñés, Javier Losada, respondeu ao Partido Popular, aínda que lonxe de defender o topónimo legal retou a Feijóo e a Negreira a “que aproben o vindeiro martes no Parlamento galego a cooficialidade”. Ademais, o dirixente socialista acusa o candidato popular de mentir e di que, “como o turrón do Almendro”, regresa cada ano con polémicas estériles.

Por outra banda, e por parte do BNG, o seu voceiro en materia de lingua, Bieito Lobeira, preguntou ao Goberno galego “que valoración lle merece o recente comportamento lingüístico do candidato Carlos Negreira” ao que acusan de “incumprir o acordo parlamentario para que cargos públicos, organismos e sociedades fagan uso, tanto oral como escrito, da lingua galega no desempeño das súas responsabilidades políticas”.

Lobeira tamén quere saber “a opinión da Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre a actitude dalgúns membros do Executivo que incumpren flagrantemente o devandito acordo”.
Malia todo, Carlos Negreira segue adiante co seu lema de campaña para as municipais –Ayer por Galicia, ahora por La Coruña–e insiste en criticar a teórica “imposición” do goberno de coalición coruñés.

Lonxe de pararlle os pés, Feijóo abre a porta a modificar a Lei de Normalización Lingüística apoiada por Alianza Popular e acatada polo PP desde a súa entrada en vigor. Os socialistas coruñeses, mentres, continúan sen abandonar de todo unha teima co L que semellaba soterrada tras a marcha de Francisco Vázquez. No entanto, A Coruña non tería por que ser única neste caso. Seguindo a proposta de Feijóo, Sangenjo, Órdenes e Orense poderían volver ser legais. Só faría falta que os seus plenos o pedisen.

1 Comment:

Gonzalo Amorin said...

Pois que os plenos tamém decidam sobre a curvatura da Terra!! A cona!!