quarta-feira, 20 de outubro de 2010

Carta aberta a Núñez Feixoo.

Por Pilar Garcia Negro em Xornal.com


Escrébolle esta carta, señor Núñez Feixoo, para que teña a ben trasladarlla ao presidente daXunta de Galiza, que sei que o coñece e a quen pode informalo dos extremos principais desta misiva, que serán do seu interese, estou certa. Non fai falta que me agradeza a aclaración que vou facer agora verbo da escrita de dous nomes proprios que acabo de utilizar. Un é o seu segundo apelido, ben galego, como sabe, e que transcrebo da forma correcta para poder ser lido adecuada e non deformadamente: cúmprense así as regras da ortografía e mais da ortofonía. A respeito do segundo, que é o nome da nación onde vostede e mais eu nacemos –e que ambos servimos de maneira notoriamente diferente–, direille que incorre nunha grave ignorancia se pensa e di publicamente que o nome de Galiza encerra algún pecado inconfesábel.

Comezo por lle recordar que está recoñecida legalmente como forma lexítima no acordo ortográfico vixente. Seica debe de ter leituras básicas –de historia, de literatura…– moi distantes xa das súas ocupacións habituais, para caír en semellante dislate. De certo que haberá moito tempo que non ten idem para ler un ilustre antepasado, de apelido homónimo ao seu (¿e será vostede descendente do ilustre bieito?), que é o Padre Feixoo. Así se pronunciaba o sabio benedictino no Discurso XIV do seu Teatro Crítico Universal (1726): “(…) en honor a nuestra patria, diremos que si el idioma de Galicia y Portugal no se formó promiscuamente a un tiempo en los dos reinos, sino que del uno pasó al otro, se debe discutir que de Galicia se pasó a Portugal, no de Portugal a Galicia. La razón es porque durante la unión de los dos reinos en el gobierno suevo, Galicia era la nación dominante por tener en ella su asiento y corte aquellos reyes”.

Con “patria” e “nación”, o P. Feixoo reférese a Galiza, que escrebe “Galicia” mesmamente por facelo en español, non por descoñecer o nome orixinal. Pois ben, case trescentos anos despois, deprime comprobar que un outro Feixoo, facendo alarde dunha ignorancia indisculpábel, negue rotundamente o carácter de nación á Galiza, queira penalizar este nome, e avale e promova medidas directas de destrución do idioma en virtude do cal, o presidente da Xunta existe como tal.

Verbo do nome da cidade da Coruña, permita que lle diga, señor Núñez Feixoo –sempre para que llo transmita ao presidente da Xunta de Galiza–, que o xogo que traen o portavoz do seu partido na Coruña, o alcalde desta cidade, un conselleiro de Educación a quen (a “cidadanía” manda!) me vou permitir chamar señor Velázquez e vostede mesmo dá noxo. Auténtico noxo: ¿quen lles deu permiso para manipularen, cousificaren, prostituíren, a lingua galega, con moitos máis anos de existencia que todos vostedes e que, despois do traballo, da loita e, mesmo, do sangue vertido (si, do sangue vertido) por galegos e galegas amantes e defensores do seu país, viu recoñecido o mínimo dereito a que os seus topónimos tivesen como oficial a súa forma xenuína, auténtica, após anos e anos de deformación contumaz?

¿Quen son vostedes, fachendosos petulantes colonizados profundos, para alterar caprichosamente os nomes que nos legaron todas as xeracións de quen provimos? ¿Canto máis incenso van queimar no altar da españolización forzosa? ¿Canta máis despersonalización e auto-odio van tentar re-inocular nas veas de tanto galego exangüe? ¿De qué autoridade inexistente se sente investido para proclamar alegremente que se pode derrogar ou modificar a Lei de Normalización Lingüística, mesmamente no seu único artigo prescritivo? ¿Qué absurda e deprimente retesía traen entre vostedes (PP, PSOE municipal da Coruña, Xunta…) para ver quen apura máis a españolizar e a incumprir a lei? En España, tutti quanti pelexan por ver quen é máis e mellor español. Aquí, vostedes, por ver quen é menos e pior galego.

Élles aplicábel a todos vostedes, de verdade, a paráfrase daquela humorada de Woody Allen: Galiza me persegue, mais eu corro máis e nunca me alcanza…

Señor Núñez Feixoo: se vostede fose só o funcionario que é de profisión, formaría filas no continxente do que eu denomino ignorantes vocacionais, iso si, moi cuidadosos sempre de garantiren ao máximo a españolidade sagrada da Galiza, pasando por riba de todo o pasábel: das evidencias máis flagrantes, dos nomes que temos, dos lugares onde nacemos (¿quererá vostede tamén transformar en “Los Pilares” os seus Peares de nacemento?), da lexislación e da xurisprudencia estabelecidas ad nauseam.

Dáse a circunstancia, porén, de que un seu homónimo, que seica coñece ben, ostenta a Presidencia da Xunta de Galiza, co cal todo o descrito neste artigo agrávase exponencialmente e dá un contraexemplo deplorábel verbo do que debe ser un gobernante cun mínimo de pundonor e respeito ao cargo que ocupa e a que e a quen llo xustifican. Rectificar é de sabios. Anímese.

1 Comment:

O'Chini said...

encendo-me...encendo-me.......