segunda-feira, 23 de novembro de 2009

Interesante entrevista ó profesor Carlos Pereira Menaut hoxe no correo galego

O experto en Dereito Constitucional Antonio Carlos Pereira Menaut impartirá o mércores na Coruña a conferencia "Galicia e Escocia: Unha análise comparativa de autogoberno". A actividade forma parte da nova programación do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), que preside o nacionalista Anxo Quintana, para esta temporada. Será ás 20.30 horas, na Aula de Cultura que Caixa Galicia ten na cidade herculina.

Máis alá de raíces comúns celtas e culturais, realmente Galicia e Escocia son parecidas?

Temos músicas celtas e aspectos comúns no folclore. Ademais, tanto Galicia como Escocia son en certa maneira terras asoballadas. En ambos os lugares, unha cantidade especial de xente meteuse no exército por pobreza. Tamén compartimos a emigración, un certo pesimismo e saudosismo, os efectos da deseindustrialización (moito máis graves para eles),...

No eido do autogoberno, está mellor Galicia ou Escocia?

En xeral, eles gáñannos por goleada, aínda que teñen un gran problema co financiamento. No verán, os escoceses acordaron ceibar un famoso preso acusado dun atentado; pois ben, nin Galicia nin outra comunidade ten tales competencias. Ademais, o vindeiro día 30, Santo André, patrón de Escocia, o Goberno vai propoñer un referendo de independencia (entendida ó seu xeito, claro). Ningunha comunidade en España ten facultades para promover algo así.

Xa vimos varios casos...

Si, e ilegalmente, con todos os problemas coñecidos. Á parte diso, en Escocia hai cousas que para eles son moi naturais, acadadas incluso antes da autonomía. Teñen policía, xustiza, xudicatoria propia, colexio de avogados propio, educación propia, igrexa nacional propia, da que a Raíña non é a cabeza... Nós estamos moi lonxe.

É Escocia un modelo no que nos deberiamos de fixar?

Escocia está no Reino Unido, pero se estivera noutro estado máis centralista non tería mantido estas competencias. O modelo non está só en Escocia (que tamén pode estar), senón no marco constitucional, no tipo de relación que mantén co poder central, moi distinto da relación de calquera comunidade española co seu. En España, nin por convenencias económicas se lle deixaría a unha comunidade capacidade para tomar unha decisión como a recente de Escocia na citada liberación do terrorista vello ou doente. O Goberno británico tardou moito en darlle a autonomía a Escocia e a Gales, pero unha vez dada, non se toca. Non obstante, aquí, hoxe vemos intentos de recentralización.

Por que España ten tantas reticencias a que as comunidades teñan máis autonomía?

Aquí hai non só un certo Dereito Constitucional senón unha cultura política. Desde sempre, España tivo un Estado moi centralista e hai tamén tendencias na opinión pública ás que lles molesta todo o que sexa diferencia ou pluralismo, aspirarían a unha España non unida senón tamén uniforme. Ademais, nos últimos anos hai unha impresión estendida de que as comunidades xa teñen tantos poderes que está España a piques de romper. Isto, comparado cos casos que se dan en Escocia (e nos USA, Canadá, Alemaña e outros), non se mantén en pé, e non obstante houbo sectores nos que callou aquela idea.


Os nacionalistas insisten en que canto máis autogoberno mellor lle irá á comunidade. Para que lle serve a Galicia?

En España é moi habitual que, incluso partidarios do autogoberno, digan que o queren por razóns políticas, sentimentais..., pero económicas non, porque o federalismo ou a autonomía implica máis gasto. O centro de investigación suízo BAK fixo un estudo encargado pola Asembla das Rexións Europeas que demostra que o autogoberno favorece o crecemento económico. Logo, a opinión pública española leva o reloxo fóra de hora porque por aí adiante considérase que o autogoberno debe ser algo moi habitual, non dogmático.

Se tiveramos máis autogoberno, a crise sería menor?

A experiencia española di que controlar un os seus poderes tributarios, como Navarra e o País Vasco, é bo, e depender sempre de fóra é negativo. Ademais, aínda que a crise sexa mundial, hai cousas que pode facer unha comunidade con máis autogoberno, igual que pode facelas un estado membro da UE. Tamén son interesantísimos os exemplos dalgúns pequenos estados do leste de Europa que entraron na UE. Varios son obxectivamente menos importantes que Galicia e non son literalmente independentes, pero dispoñen deles e son membros da UE en igualdade teórica, o que fixo aumentar a súa prosperidade. O autogoberno non debe de ser tan malo, especialmente se se combina con maior participación na UE.

Algo que lle falta a Galicia....

É importante aumentar a participación de Galicia na UE, ter acceso máis directo. As liortas territoriais españolas son un pouco miopes; fálase como se o mundo dependera só das discusións Madrid-periferia, pero esta é unha visión pouco realista ademais de anticuada. Probablemente tras o Tratado de Lisboa, a UE colla pulo de novo e calquera cousa seria sobre Galicia ou calquera outro ente subestatal hai que situalo nun mundo que ten polo menos tres niveis: autonómico, estatal e europeo.


A reforma do Estatuto de Autonomía galego é urxente?

Reformar os Estatutos está ben, e se todas as comunidades andan a reformar os seus non ten sentido que Galicia se empeñe en non facelo. Pero o cambio debe empezar por unha reforma da Constitución, xa que por moito que un reforme o Estatuto e se autoatribúa competencias, se a Constitución non as concede non serve de moito. Eu reformaría primeiro a Constitución, nun sentido federal e máis claro.

Que papel está a xogar o actual goberno da Xunta de cara a conseguir maiores cotas de autogoberno?

A impresión (non máis que unha impresión) percibida dende fóra, basicamente dende os medios, é que as súas prioridades non pasan ante todo por Galicia nin pola UE; ou polo menos iso parece. É como se houbera un certo afastamento do modelo fraguiano neses eidos. Pero hai que deixar que pase o tempo, porque unha lexislatura son catro anos.

O PERFIL Antonio Carlos Pereira Menaut (Santiago de Compostela, 1948), ten investigado, como xurista, o proceso de constitucionalización da Unión Europea. Tamén se ocupa de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado -sobre todo inglés-, e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela na área de Dereito Constitucional. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo. Está casado con Consuelo Sáez Díaz, profesora de Matemáticas na Universidade da Coruña. Ten oito fillos e outros sete netos.

4 Comments:

O'Pablo said...

Un dos mellores profesores que tiven( ainda que discrepe nalgunhas cousas).
Sempre foi partidario dun estado federal , eu neso tamén estou de acordo, e para min Alemania sería o exemplo a seguir co bo funcionamento dos Landers.Algun politiquillo de turno intenta vendernos a moto de que España é case un país Feseral, algo que é rotundamente falso partindo da idea de que nin temos un poder lexislativo propio, nin un poder xudicial propio.En estos momentos o que temos é (un café para todos) con máis ou menos competencias en función de quen goberne no Estado e quen o faga na C.autónoma.Máis as competencias aumidas polas CC.AA non son as máis importantes.

O'Chini said...

Está bem, gostei do texto.

Eu tinha entendido que o nível de autogoverno de Escócia era mais baixo que Galicia , e por suposto que Euskadi ou Catalunha, pero só desde o ponto de vista das competéncias...

Outra cousa, é essa liberdade da que em princípio sempre gozarom as diferentes nacions sob a coroa inglesa: (reconhecidas como nacions, com todas as letras!).Nom tenhem nengum problema em plantejar um referendo de autodeterminaçom. Para os birtish, os escoceses formam parte da "Union" pola sua propria vontade, e a podem abandoar quande quiserem.

Em cambio, em Ejpanha canhi, os galegos, vascos, catalans, (e saharahuis, cubanos, e todos aqueles outros) somos espanhois pola gracia de Deus umhas veces e porque o dim eles outras, nunca porque o escolhamos nós democraticamente. Vamos, matrimonio a la fuerza.

Pois si....

Gonzalo Amorin said...

INDEPENDÊNCIA!

P.D: Pois logo do artigo a conclussom nom pode ser outra.

O'Chini said...

"e saharahuis, cubanos, e todos aqueles outros" referia-me a aqueles povos que tamem formarom parte de Espanha no passado, com ou sem a sua vontade.