segunda-feira, 1 de junho de 2009

Carlos Nunes

Brasil somos nós

O gaiteiro galego Carlos Núñez conta para La Voz de Galicia a súa experiencia de un ano en Brasil dedicado a investigar e a preparar o seu novo disco, «Alborada do Brasil», de próxima aparición


Brasil somos nós

Para Carlos Núñez, ondas, alborada, estrelas, fogueiras de san Xoán, sereas, bruxas e orballo.
Veño de pasar un ano percorrendo Brasil, gravando o meu novo disco. Lanzarémolo dentro de dúas semanas. Chamarase Alborada do Brasil en homenaxe a unhas proféticas palabras que deixou escritas o meu avó. O seu pai, meu bisavó, José María Núñez, emigrou alí a principios do século XX dende A Mezquita (Ourense) e desapareceu. Sempre se dixo que o mataran por celos profesionais. El era músico, coma min, e sempre sospeitei o que as pesquisas están confirmando: que, en realidade, como moitos galegos, iniciou unha nova vida no Novo Mundo.

Pero isto non é o máis importante da historia. A cuestión é que esta frutífera exploración musical acabou por se converter nunha auténtica viaxe iniciática na que aprendín unha chea de cousas que atinxen a Galicia. Estas son as que gustaría de compartir con vós nesta serie de artigos que hoxe comeza, esperando que as miñas andanzas polo Brasil sirvan a máis xente.

Onde pervive a alma da gaita

Brasil sempre ten sido para os galegos unha patria secreta onde desaparecer. En Brasil falan a lingua seguramente máis semellante ao galego que existe, se non é a mesma... No Brasil segue viva a alma da gaita, transmutada noutros instrumentos. Alí, a cultura das cantigas medievais galego-portuguesas, os nosos instrumentos musicais cáseque desaparecidos, as nosas tradicións... mesturáronse e fixéronse universais. En Brasil vive o noso pasado e quen sabe se o noso futuro.

Alí atopamos a nosa desexada síntese entre a cultura urbana e rural. No Brasil, as ondas do mar, a alborada, as noites de luar, as estrelas, as fogueiras de san Xoán, as sereas, as bruxas e o orballo, por non falar dos nosos diminutivos... gozan do glamour do artisticamente universal. Dito con outras palabras: no Brasil vive unha Galicia cool . Imaxinade a cara coa que ficaron os da Sony cando lles contei todo isto mentres escoitabamos o disco: «¡Carallo con estos gallegos! Ahora van y crean la música galego-brasileira!».

O caso é que volvo a casa convencido de que a nosa relación con Brasil pode ser clave para Galicia na nosa continua reinvención do país e, por que non dicilo, na creación de novos mercados. Sei que está todo por facer, pero penso que poderíamos estar diante dunha nova conexión artística tan potente como foi a música celta, coa que dalgún xeito conseguimos, dende mediados dos anos noventa, poñer a Galicia no mapa para moita xente.

Na ronda de sabios que entrevistamos para o documental que estamos a facer en paralelo ao disco, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, xa nos avisou: «Brasil é unha grande aposta, non só económica, senón tamén cultural». O meu amigo Manuel Bragado, director de Xerais, resumiuno en tres palabras: «Brasil somos nós». Hai pouco tempo, Juan Luis Cebrián foi aínda máis alá e dixo que «Galicia ten a sorte de ser a terra das cantigas e pode ser a ponte de España e Europa co Brasil».

Sorprende que semellante mina non teña sido explorada por Galicia. Brasil non forma parte do noso imaxinario de afinidades como Arxentina, Cuba, Irlanda ou Portugal. Ata agora a nosa relación con este xigante de xa case douscentos millóns de habitantes debémoslla ao calado e tenaz traballo dos nosos emigrantes, aos non sempre comprendidos reintegracionistas e amantes da lusofonía e a algún pioneiro como don Valentín Paz Andrade, que nos anos setenta publicou unha xoia da que xa falaremos a próxima semana e que nos descobre un novo concepto: a Galecidade do Brasil.

Ninguén lles dixo de nós

O brasileiro de a pé descoñece a existencia de Galicia. Non é a súa culpa, nunca llo contaron. Era duro para Portugal recoñecer que parte da súa cultura vén dun territorio «lá na Espanha». Incluso ignoran onde está exactamente Santiago de Compostela. En cambio, o Camiño fascínaos, proba é o éxito sen precedentes do escritor Paulo Coelho.

Cando descobren que «todo iso» vén dese misterioso país, que non trae aparellado o «imperialismo» europeo, que tanto amola aos brasileiros, entón apúntanse sen dubidalo... Dalgún xeito Galicia axuda aos brasileiros a descubrírense a eles mesmos, nunha parte da súa historia que nunca lles contaran.

Nélida, a introdutora

Comeza a renacer un orgullo sen precedentes. A galego-brasileira Nélida Piñón, primeira muller presidenta da Academia Brasileira das Letras, nas súas aparicións televisivas e na súa obra, fala habitualmente do seu pequeno país de orixe. Trátase dunha persoa cunha intelixencia e enerxía deslubrantes.

Nélida foi un dos meus introdutores na jet cultural de Rio de Janeiro. Nas elites brasileiras dáste de conta do importante que é a música para o país. Todos, absolutamente todos, dende os escritores, os políticos, os empresarios, os militares... saben de música. Todos teñen os seus gustos musicais ben definidos e saben que no fondo, a música é unha das identidades máis fortes de Brasil, por enriba doutras artes. Lembremos a Gilberto Gil como carismático ministro de cultura.

Cecais o único lugar do Brasil onde todos saben que é un galego sexa Salvador de Bahía. Alí a nosa comunidade é potente e está moi ben organizada. Carlinhos Brown contounos que os galegos foron os primeiros en darlle traballo, nunha panadería. Gravar con este xenio indomable foi algo máis que música, foi unha experiencia antropolóxica.

Ter diante ao meu tocaio do Candeal ulíndote e examinándote, como faría un paisano noso, confirmoume a teoría que fun consolidando en Bahía: que entre negros e galegos hai algo moi profundo que nos une e produce unha irreprimible atracción. Quizais por iso no Brasil galego tamén significa 'louro, rubio, branquiño'. Son os opostos que se atraen.

Os outros grandes centros actuais do «poderío galego» son São Paulo e Rio de Janeiro. Alí, é curioso que máis que exhibirse, sempre tenden a esconderse misteriosamente... No Brasil os galegos aprenderon a organizarse en empresas con varios socios. Raro é atopar cabezas visibles, con excepcións que ben darían unha novela ou un filme...

Os galegos alí sempre se camuflaron como portugueses, máis que españois, ou simplemente como brasileiros. Este é un país que se come todo, non crea guetos étnicos. Todo ser humano transfórmase nun tempo récord en brasileiro. Iso mesmo acho que fixo o meu bisavó.

É posible que as percepcións dun músico non sexan científicas, pero como dixo un tal Leite de Vasconcellos: «Os artistas adivinham muitas vezes o que, por outro lado, os investigadores de História descobrem a custa de fatigante labor cerebral».

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/05/31/0003_7753371.htm

4 Comments:

Marta said...

Joer Chini, que productividade colgando posts...Eu teño pendente unha viaxe a Asturias e un par de recetas. En fin, ando liada co meu exame de frances que é maña e pasado. A ver se tenho tempo de ler esto...

O'Chini said...

Si, e que o blogue ultimamente esta que da peninha...aaaaaaaai....

Eu nom se que lhe passou ao resto. Deve ser o calor de por ai, nom? Aqui hoje caem uns raios e tronos que metem medo. Hurlhurl!!

Oes, as receitas Maria & eu nom chas perdoamos. Esperamos impacientes!! (e a outros que andam por ai tamem, a ver se se dam por aludidos ;)

O'Poldow said...

OYEAH, que artigo tan interesante... o gueiteiro non dá -neste caso- puntada sen fío. Ogallá, ou como din por aquí, "tomara", que teña repercusión nos medios brasileiros o seu traballo. Ao final é por aí por onde se van construíndo moito das ideas sobre un país.
Certo que en Bretaña funcionou moi ben, máis o mercado aquí é ben outro. A ver qué tanto chance lle dan... o tema da pervivencia de formas musicais galegas na tradición brasileira tamén é ben interesante. O pouco que sei é que é algo propio do Nordeste do país... E tamén é curioso -para min- que saia xustamente estes días... hoxe mesmo cheguei do Rio, onde lle a el tiraron a foto.
Coda: divulgar Gz no BR... canto traballo ha facer! Ordem e progresso, minha xente!

O'Chini said...

Pois eu aguardo desejoso a ver o novo trabalho de Carlos Nunes da Gaita, o tipo a pesar de todas as críticas que receve está a fazer moito: hai que escoitar aos puristas, ainda que sem fazer-lhes caso :P. Se por eles for, a música galega seria por sempre um cuarteto tradicional, ou se cabe, um corno prerromano.

Moi interesante, abofé, que os louros galaicos fóram para Salvador da Baia, co calor que fai, diormio...

Mr. Poldow, que bom ter corresponsais por todo o mundo!!! E nom tivo vocé oportunidade de bater o papo com ele? Adiante Gz no Br!!!