A finais do século XIV, un anónimo escritor bretón, «quizais un pai ou preceptor«, redactou o Roman de Ponthus et de la Belle Sidoine, un libriño ilustrado destinado á ensinanza e entretemento dos fillos da nobreza bretona. Podería ser unha noveliña máis de cabaleirías, xurdidas ao abeiro da rica tradición artúrica comezada por Chrétien de Troyes, pero para nós é algo máis.
A novela narra un conflito a escala global, no que o protagonista é Ponthus, o fillo do Rei suevo de Galicia Thibour. Durante o século V ou VI, un enorme exército de 30.000 musulmáns capitaneado por Broada, Sultán de Babilonia, desembarca na Coruña co obxectivo de conquistar o país. A desfeita é total. Thibour morre en combate, o reino cae; a penas Ponthus, o seu fillo, consegue escapar en barco con trece leais. Chegarán ás costas da Bretaña, onde serán acollidos polo lugartenente do rei, e alí Ponthus farase un home de renome, aínda que pasa por momentos de desdita. Traizoado por un membro do seu séquito galego, Gannelet, exíliase ao máxico bosque de Brocelianda, como xa fixeran antes os cabaleiros do ciclo artúrico e Merlín. Alí gañará sona de gan cabaleiro xustador. O bosque de Brocelianda, na Bretaña, lugar de retiro de Ponthus.
No Roman de Ponthus et de la Belle Sidoine toda Europa vive asolada pola ameaza sarracena. Ponthus repele as invasións musulmanas na Bretaña e en Inglaterra, e serve como cabaleiro de fortuna ao rei inglés fronte aos irlandeses. Todo el é un modelo cabaleiresco, namorado de Sidoine, a filla do Rei de Bretaña, de quen numerosos subterfuxios, trampas os enemigos a separan. O seu amor, pola contra, perdura contra todo. Ponthus recrea as historias de Ulises, errante, fóra da súa terra, valéndose co seu enxeño para zafar das emboscadas; ao mesmo tempo é Lanzarote, orfo de pai e nai e fillo de rei estranxeiro que prospera grazas á súa valía persoal. Despois de matar ao esposo de Sidoine, o Duque de Borgoña, e casar con ela, Ponthus consegue a vella arela de volver a Galicia e reconquistar o país. Logo, co territorio pacificado, volverá con Sidoine de peregrinación a Compostela.
A noveliña, editada en galego como Ponthus e Sidoine, reis de Galiza e Bretaña por Paulo Nogueira, é un libro de gravados, no que cada aventura é insinuada con apenas un verso que acompaña a unha ilustración. Non é difícil imaxinar que era unha historia pensada para ser contada e imaxinada nova cada vez, que podía estenderse oralmente na dirección que marcasen os camiños da noite e o interese dos nenos. Hoxe, cos cambios no ritual da lectura, devorámola en a penas vinte minutos. Pero son vinte minutos emocionados: fálannos dunha Galicia imbricada no mundo atlántico do que nunca deberamos ter marchado, cunha identidade propia de reino independente, con cidades coñecidas a nivel internacional, mergullada nas lendas do ciclo artúrico, na fronteira coas civilizacións africanas do sur. E está aí: non é unha invención de Murguía, da Xeración Nós, ou un desideratum de celtistas exaltados. É unha chamada con cornamusa desde outra das fisterras a través dos séculos. Unha lectura moi moderna.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2007/06/17/ponthus-e-sidoine-reis-de-galicia-e-bretana/
5 Comments:
Que beleza. Bretaña! Tendes que ir alá, zonavelheiros, e dicir que sodes galiciéns, e que vos digan "ah, vous êtes comme nous. Cousins celtiques!". Por certo, máster, estiven con Amorim estes días e faloume dunha moi boa nova vosa. Mil e un parabéns!
Uy, uy, uy...esa boa nova, se é o que me imaxino... noraboa!!!! Estadesvos poñendo todos dacordo non?? A proxima xuntanza vai parecer un xardin de infancia ;-)
A explicaçom de porque nom se anunciou é porque aos 3 meses, (que é quando se anuncia) passou tmem algo esta vez mau e traumático na familia de Maria...suponño que já sabedes.
O rapás tem que nascer por volta do 30-Novembro. Assim que, aqueles que pensem que o Gon e eu fazemos todo um a par do outro, foi casualidade pá! Botem contas! :)
Bueno, acerca do da familia de María, non sei nada. Pero fose o q fose, toda a forza e o meu cariño dende aqui e moitos, moitos ánimos! A verdade é que xa o ides ter prontiño tamén!!! Xa veredes como as penas dan paso as alegrías ;-) A ver se nos vemos prontiño. Moitos bicos!
Pois é... digo o mesmo que dona Marta no último comentario. Forza, cariño e os mellores sentimentos.
Respecto ao de pórvos de acordo para esas cousas, sabendo que pola Baña tamén hai novidades, xa non sei qué pensar. LA ESFERA DEL MUNDO.
Forte abrazo.
Post a Comment