terça-feira, 17 de maio de 2011

Galician Lyrics



Este ano vai dedicado a un poeta: Lois Pereiro. Publicou dous poemarios, un deles chamado "Poesía última de amor e enfermidade" e unha novela, "Náufragos do Paraíso", colaborou con revistas do seu tempo, coma Luzes de Galicia. Faleceu, segundo din, por causa do aceite de colza desnaturalizado (...lembrades), pero a súa figura nimbouse dunha aura especial por ter contraído a Enfermidade. O AIDS. Así aparece nas fotos que agora ateigan o país. Poeta de culto, tradutor do inglés e o alemán, viaxou por Europa e estivo en contacto coa contra-cultura do seu tempo. O underground, o europeizante. Non renunciou, porén, á súa lingua primeira, a da intimidade. Curiosa a relación cunha muller, Piedad, a quen lle dedica un diario entre os meses de marzo e xuño de 1995 (pouco antes de morrer) e que sae editado este ano. Deixara el escrito que era "irreproducible e impublicable", a menos que o beneficio lle servira a ela para "comerse un sándwich en Chinatown". Alí mestura os idiomas, o castelán, o francés, o alemán, o galego sempre para as cousas máis íntimas. Naquela altura xa non eran parella, que foran.

Unha das súas líricas:

Mala sorte

E por primeira vez desde que souben
que aínda respiraba e seguía vivo
sei o que é sentir medo a non estalo

Interrompido na mellor escea
cando estaba soñando un soño dérmico
de paixón e beleza
cunha serea distancia literaria e sabia

Só ela podía ser tan inoportuna
groseira inculta e pouco delicada
chamándome despois de ter sobrevivido
á confortable atracción do fracaso
e saber dunha vez o que era a vida
amar e ser amado.

Acéptanse interpretacións. Doutro poema del:

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que deberia ter sabido
impedirme a min mesmo

descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.


Interludio atroz... Doutra parte, Pereiro era irmán do xornalista Xosé Manuel Pereiro, que estivo detrás de proxectos coma Bravú. A Revista que sae cando a situación o require ou o grupo punk coruñés dos anos oitenta Radio Océano.... Recomendabilísimas as columnas que este home perpreta cada luns na edición galega de El País!

Vaia, en fin, a música dos setenta-oitenta e a lembranza, coma aqueles versos de Joy Division, na tradución do Leio i Arremecághona, para Lois... "o amor hanos esnaquizar, outra ves".


1 Comment:

O'Chini said...

Lois Pereiro dá sem dúvida um aspecto urbanita e moderno às nossas letras. Parabens polo post. Estas cousas som necesárias sabelas, já que as nossas autoridades andam a outras cousas....