quarta-feira, 29 de julho de 2009

Nota de prensa dos Bombeiros de Ponte Vedra, começa a luita!

BOMBEIROS COMARCAIS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Tras reunirnos co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o pasado día 6 de febreiro, e logo de presentar as reivindicacións dos bombeiros para a creación dun Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento de xestión pública (directa), a resposta foi negativa por parte da administración, reafirmandose na xestión privada (indirecta) xa existente.

Ante dita postura sobre a xestión do Consorcio Provincial, os bombeiros manifestámonos totalmente en contra, dado que a forma de xestión actual é absolutamente contraproducente para dar un servizo de calidade a poboación. Podemos argumentar este feito cun estudo que os bombeiros elaboramos durante estes cen días de novo goberno, e que lle presentamos na pasada reunión ao Director Xeral de Protección Civil da Xunta de Galiza. Tamén queremos salientar que este tipo de xestión a través de empresas privadas, que defende a Xunta e a Deputación, é único en todo o territorio español. Só o parque de Silleda conta con xestión directa da administración, pero en palabras de Louzán foi un "erro que cometeron no seu día". Ante isto, nós discrepamos, xa que, segundo eles (a administración) este parque é o que conta con mellores dotacións, materiais, número de traballadores e mellores condicións laborais en xeral.

A día de hoxe estase dando unha cobertura aproximada do 60% da poboación provincial (uns 330.000 habitantes), con 84 bombeiros e non 100 como afirman desde a Deputación. Tamén lembrar, que o novo concurso para a concesión do Consorcio provincial non será nos vindeiros meses, xa que tanto Xunta coma Deputación pretenden agardar a que remate a concesión do parque do Porriño en agosto do 2010. Feito que ocorrerá logo de expirar o prazo que se fixou na Lei de Emerxencias do 2007.

Polo tanto, nós, os bombeiros, reclamamos a constitución dun Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento público da Provincia de Pontevedra;

o Para que exista unha cobertura do servizo de extinción de incendios e salvamento no 100% da provincia.

o Para que se poidan mellorar e incrementar os medios humanos e materiais do servizo.

o Para homoxeneizar en todos os ámbitos o servizo que se presta na Provincia.

Por todo isto, os bombeiros non aceptamos de ningunha maneira a xestión privada, polo que nos concentraremos diante da Deputación de Pontevedra ás 10 da mañá este venres 31 de xullo. Comezamos asi un calendario de mobilizacións que levaremos a cabo até que as administracións competentes entendan que o mellor sistema de xestión para os parques de bombeiros é o directo (público).