sexta-feira, 18 de novembro de 2011

Xirarg(h)a

E logo nunca vos falei de Xirargha? Xirarga é a parroquia onde me criei de rapaz, e á que sempre volvo coma ao centro dun labirinto... valla o arrouto poético.


Pois velaquí que o mes pasado, baixo os ánimos dunha miña amiga e parenta -que tamén Marta coñece- e cos auspicios dun coñecido de Amorím da Couta -que traballa no Museo de Lugo e seguramente é un dos homes que máis saben de contos populares na Galiza- organizamos, digo, unha "Polafía" alí en Xirarga.
Se non tivestes ocasión aínda de saber dalgunha destas festas-reunións, direivos que é un proxecto que lle repenica moito o aquel, respectuoso e revitalizador da cultura de noso de sempre, a aldeá, a esquecida, e dispoñible eficazmente agora na rede, onde todo se multiplica, claro, coma na casa dos espellos. Ná páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega (www.aelg.org) hai un arquivo coas que xa se fixeron, e tanto para contadores de contos coma para galegos da diáspora son material que vale a pena...

Foron varias semanas ou lúas de preparación e ao final alí se xuntaron os veciños e veciñas (que entre eles algúns nin se falaban...), contamos con Celso F. Sanmartín, un dos mellores contadores do País, uns pandereteiros óptimos, de Pontevedra... nervios, ata a TvG por alí... mas tudo ficou muito bom.

E facendo, en fin, por vez enésima mal-uso do Blog para o auto-bombo (un auto-bombo grupal, en todo caso) déixovos, digo, aquí o enlace á parroquia da miña tribu, á que sempre estades invitados. Que vos preste. E esquezamos por un momento á curma de Risco.


3 Comments:

Gonzalo Amorin said...

Que muito boa iniciativa caro Poldo!! Gorentei até o paroxismo. Antonio Reigosa é um grande investigador da nossa tradiçom oral, assim como boa pessoa e amigo. Com cada velho que morre, morre parte da nossa Terra. Mil primaveras mais para as Polafias!!

Por certo, que intrépido o Sr. Eludín com o conto das Correas!!

O'Chini said...

Parabéns pola iniciativa!! Fica arrumado o link, escoitarei e comentarei!

Pergunto-me se algum dia as nossas estórias serám venerada tradiçom oral... o conto do carro da directora, dos cubos d'água....

O'Poldow said...

Porra! Pois eu estiven a semana pasada por Fonseca, e seica aos garotos de agora "átanos en curto". E o rubicundo fillo de Juan (Juan "Quetalamigu" da Cafetería) achegaba unha interesante conclusión: "claro, despois en canto ven algo de liberdade, estoupan".
Certamente, nós facemos cultura e mitoloxía mentres vivimos -I think so- De aquí a cincuenta anos faranse contos coa figura de Homer Simpson como antes se facían de Pepito ou de Nasrudin, eu acho.
E obrigado polos parabéns, manos!