quinta-feira, 16 de dezembro de 2010

O militar que apostou polo galego na escola en 1906.

Em A Nosa Terra por X. Enrique Acuña

Fixo fortuna militar en Cuba e o seu escalafón colonial e caribeño deulle para chegar a coronel. En La Habana de finais do século XIX Luís Otero y Pimentel escribía libros de literatura castrense que lle garantían ascensos e medallas pensionadas e á vez coñecía a vida e obra de tantos galegos e galegas que moraban na grande illa do Caribe.

Luís Otero Pimentel aos 40 anosLuís Otero Pimentel aos 40 anos. Arquivo A Nosa Terra

Oficial de Estado Maior emparentado cun antigo vicerrei das Indias con solar nas terras lalinenses de Outeiro en Duxame, no ano 1914 esgotaba o seu retiro de militar español na derradeira praza na que obtivera destino. Como tratando de non esquecer de todo as rúas habaneiras o seu final traslado a Cádiz deulle ao escritor Luís Otero y Pimentel a tranquilidade precisa para non ter xa que teorizar en temas propios da milicia ou escribir as súas particulares Nuevas aventuras de D. Quijote de la Manchadesde as que sermoneaba o maremagnum político administrativo que daquela era a colonia cubana, para afondar, agora xa como emigrante, na lembranza sempre acesa e reivindicativa do idioma que mamara e aprendera no país natal.

Antes xa ensaiara a novela cando a biblioteca do semanario Follas Novas lle editara a súa histórica e fantástica prosa de A Campaña de Capreórneca (1898). Cando se restaura e recupera esta obra en 1994, con edición de Modesto Hermida, tamén se repara noutras entregas do militar elaboradas co uso literario dun español compartido, en maior ou menor medida, co seu galego entre culto, particular e popular.

Otero y Pimentel publicou poemas co título Mirando o Ceo en La Habana de 1898, pezas teatrais como Camiño de Santiago (1904) e Madre ejemplar. Comedia en cuatro actos sobre costumbres gallegas en prosa y versos gallegos y castellanos (1914), ambas as dúas publicadas en imprentas gaditanas.

A pesar da milicia como oficio que exercía Otero y Pimentel, un máis que humilde folleto, tamén editado en Cádiz en 1906 no obradoiro da Revista Médica, dá conta do singular perfil deste coronel do exército español. Trátase dun opúsculo de 16 páxinas que el mesmo sufragou do seu bolso co ánimo de facer chagar como agasallo ás súas amizades en Galiza co obxecto de facer “un obsequio a los alumnos de las escuelas de mi país”.

Titulou a súa obriña As campanas de Duxame acreditando na súa cuberta a autoría “por el coronel D. Luis Otero y Pimentel”. Para os textos protocolarios e introductorios escolleu un español que lle serviu para aclarar o destino dun proxecto que el entendía como didáctico e pedagóxico. Mesmo recomendaba aos destinatarios do seu galano editorial que “se serviran destinar los restantes[exemplares] a los alumnos y alumnas de las escuelas” das comarcas onde vivían.

O valor real da obra, fóra dos 29 versos de catro estrofas escritas na súa totalidade en galego, malia o que lle daba cabo ao poema, vén dado polo chamamento escrito como carta “a las alumnas de los colegios y escuelas de Galicia” a fin de que utilicen un libro, recordemos, escrito e publicado e patrocinado por un coronel do tan rancio exército do Reino de España.

A poética d'As campanas de Duxame reflecte unha clara postura reinvidicativa do que Otero Pimentel denomina “limpia fidalguía”. Unha historia que agacha, desde claves biográficas dun estrañado da terra como el, as baronías da súa familia asentada en Lalín e un relato que nace na Casa Grande de San Miguel de Duxame e no morgadío do seu antepasado Andrés de Otero. Mais as campás que protagonizan e lle dan título á súa obriña en verso son as da mesmísima igrexa de Duxame que outro antepasado de Otero, esta vez Domingo Antonio de Otero, edificara cal obra pía e nas que nos seus bronces gravara os apelidos que glorificara como vicerrei das Filipinas.

Na epístola que lle escribe ás súas destinatarias “amiguitas” Otero Pimentel pregúntase: “¿quién será este señor que, sin conocernos, nos envia un obsequio de ínfimo valor material, pero de gran valor moral, puesto que encierra mucho interés para nuestro porvenir?”. E faino, el que xa tiña por costume enviar libros de forma non venal ás escolas de Galiza, coa conciencia de que lles estaba a repartir un libro de lectura en galego para que “iluminen la nueva senda que debe trazarse el país”.

As campanas de Duxame, e o seu breve poema protagonizado por un neno que sente a saudade das badaladas parroquiais na emigración [¡Campanas escrarecidas / que lonxe de vos me tedes / con ansias encarecidas / pido que sempre cantedes] é un esquecido chanzo fundacional e un sinalado pre-texto desa historia da literatura escolar en galego que retorna en tempos de dificultades certas. Daquela era todo un coronel quen apostaba, en 1906 e do seu peto, por uso do galego na escola.

0 Comments: